Publicacións

Mozas nas redes! 🎭

Imaxe
O martes 28 de abril, o alumnado de 1º e 2º ESO do noso IES desfrutou da representación de Mozas nas redes, de Estíbaliz Veiga, un espectáculo que combinou música, escenografía e reflexións sobre diferentes situacións que as rapazas poden vivir ao longo da vida e, en especial, na adolescencia, debido aos seus contactos e experiencias a través das redes sociais.  Detectamos así casuísticas de illamento, conflitos familiares e no círculo máis próximo, abusos e violencia que moitas veces mesmo normalizamos e realmente debemos de rexeitar e frear entre todos e todas. Porque os perigos das redes son moitos e, nunha sociedade na que o feminismo aínda pide paso, aínda máis!              Pechamos con esta actividade as propostas do blog  O Castro da Igualdade,  enmarcado no noso Proxecta+  Donas de si  neste curso 25/26. Agardámosvos no vindeiro ano académico para seguir construíndo un mundo máis xusto, igualitario e feminista!...

As feministas damos a chapa! 💪

Imaxe
Baixo o lema de As feministas damos a chapa! o departamento de Xeografía e Historia organizou un taller de creación de chapas polo 8M no corredor principal do instituto ao longo da xornada do venres, 6 de marzo, no que participou toda a comunidade educativa. O obxectivo baseábase en elaborar lemas e deseños para reivindicar o rol da muller nos diferentes ámbitos dunha maneira lúdica e que invitara ao alumnado á reflexión a través da diversión.  Unha actividade con moi boa acollida e que agardamos repetir en vindeiros cursos! Grazas a toda a comunidade pola implicación neste obradoiro!                             

Lecturas pola igualdade!

Imaxe
Dentro das programacións deste curso 2025/26 de LGL, o alumnado de 2º e 3º ESO achegouse a obras que reflexionaban sobre a igualdade e a reconstrución dos modelos históricos de relacións e a violencia de xénero desde diferentes perspectivas; a través das obras Donas de nós, de Ánxela Gracián; e O faro escuro, autoría de María López Sande.  Para avaliar estas lecturas, o alumnado de 2º ESO elaborou exposicións orais nas que reflexionou sobre a importancia de tomar as nosas propias decisións e cuestionar as historias de príncipes e princesas que adoitan chegar a nós. Exemplos disto son comentarios coma os que deixamos embaixo:  Pola súa banda, a rapazada de 3º ESO procurou na historia de María López Sande características para identificar a un maltratador, reflexionou sobre a definición adecuada para este tipo de violencia e identificou exemplos na trama e elaborou carteis preventivos fronte á violencia de xénero. Deixámosvos por aquí algúns exemplos dos traballos!

A muller invisible 🙋

Imaxe
O alumnado de 3º ESO, con motivo da conmemoración do 8M, traballou, na materia de Bioloxía e Xeoloxía, co texto A muller invisible, autoría de Caroline Criado Pérez. A través del, reflexionaron sobre a escasa presenza feminina na investigación científica. Exemplo disto é o feito de que a maioría das pesquisas versan sobre o corpo masculino, mesmo en cuestións reprodutivas. Outros casos sinalados pola autora son os das enfermidades cardiovasculares ou o VIH, a pesar de que máis da metade da poboación con esta doenza é feminina.  Botádelle unha ollada ao texto aquí!: 👇

As mulleres do noso Nadal 🎄

Imaxe
Para celebrar o fin do primeiro trimestre e a chegada do Nadal, propuxemos ao alumnado unha actividade, en colaboración co Equipo de Biblioteca: un calendario de advento 🗓 con citas de mulleres relevantes na historia, especialmente do panorama galego. Así pois, nomes como o da científica Marisol Soengas, a médico María Rosaura Lois Trabazo, a escritora e xornalista Concepción Arenal, as poetas Xela Arias e Rosalía de Castro ou a artesá Elena Ferro sucedéronse entre as mans do noso alumnado, que lía e coñecía as súas citas arredor das disciplinas que colleitaron ao tempo que recollían pequenos agasallos de Nadal.  Deixámosvos aquí algunhas imaxes desta experiencia que seguramente repetiremos en vindeiros cursos!                                                                           ...

Concurso de carteis 25N 💜

Imaxe
Nas dúas últimas semanas de novembro, o Departamento de EPVA, xunto co Equipo de Biblioteca, convocou no noso IES un concurso de cartelería fronte á violencia de xénero, con motivo da conmemoración do 25N. O alumnado elaborou cadanseus carteis para seren expostos posteriormente na biblioteca do centro, que acolleu tamén alí o Punto Violeta do Concello das Pontes, onde o alumnado se puido informar sobre diferentes cuestións en relación con esta temática e onde tamén realizou obradoiros da man de dúas psicólogas expertas na materia. As premiadas no certame de carteis recibiron sendos diplomas acreditativos e vales para a cafetería do IES. Ademais, grazas ás ferramentas do noso #PoloCreativo, tamén puideron desfrutar dun novidoso premio: un chaveiro co símbolo feminista e o logo do noso IES. Aquí vos deixamos imaxes dos carteis e das gañadoras, parabéns, rapazas!                                   ...

Obradoiro de elaboración de manifesto feminista📑🖋

Imaxe
 A semana do 25 de novembro, o equipo de biblioteca organizou un pequeno taller para redactar un manifesto feminista que se lería no acto reivindicativo convocado polo centro o 25 de novembro, antes do recreo.  Neste obradoiro participaron 3 rapazas de 2º ESO que tiñan moi claras as súas denuncias: fronte á violencia contra a muller, por unha infancia digna sen necesidade de mudar a vida por completo coa chegada da adolescencia, coa axuda dos seus compañeiros rapaces e a favor dun reconto real das vítimas, falecidas e non. Tamén abriron espazo de reflexión sobre o uso e impacto que as redes teñen entre a rapazada en relación con temáticas como o desprestixio e minorización das figuras femininas, nun tempo no que semellaba que iso debería de estar xa superado, pois os e as adolescentes de hoxe en día teñen un maior acceso á información que noutras épocas, pero son espectadores de escándalos en materia de violencia de xénero nos círculos das personalidades que teñen como referen...

Argallando contra a violencia 💜

Imaxe
Os clubs de lectura dos Argallantes das Letras participaron nun microproxecto fronte á violencia de xénero, en colaboración coa biblioteca do centro, durante as semanas previas ao 25N. Así pois, nestas reunións de novembro leron poemas de autores como Marta Dacosta, Carlos Negro ou Olga Novo que lles fixeron reflexionar sobre que é a igualdade, que persegue, onde comeza e remata a liberdade individual e por que precisamos unha sociedade máis xusta e respectuosa, sen importar o xénero das persoas nin as súas escollas.  Logo desta reflexión, houbo tamén un proceso de búsqueda de información en fontes oficiais arredor dos casos de violencia de xénero que azoutaron as sociedades galega e españolas neste 2025. Con estes datos elaboráronse carteis con titulares que recollían as informacións principais e que pretendían impactar coa súa lectura. A biblioteca do IES serviu como espazo de exposición dos mesmos, a carón dos carteis elaborados na materia de Educación Plástica e Visual.  T...

Bruxería ou bioloxía? 🔮

Imaxe
Na véspera de Samaín, o alumnado de 4° ESO achegouse ás orixes da bruxería e da caza de bruxas desde un punto de vista biolóxico. Así, descubriu algúns dos motivos polos que se levou a cabo esta práctica discriminatoria durante longos períodos da nosa historia, moitas veces motivada por algunhas síndromes que afectaban ás vítimas e que a sociedade mesmo descoñecía.  Aproveitamos o Samaín para coñecer os erros do pasado a fin de non repetilos, botando man da ciencia! 🌌