Sumámonos ao 25N!💜💪

O luns 25 de novembro, o alumnado do IES participou nun acto conmemorativo das vítimas da violencia machista. Para iso, o alumnado de 1º ESO realizou unha lectura de dous poemas de Marta Dacosta sobre esta temática no ámbito doméstico, a fin de concienciar e facer reflexionar ao resto da comunidade educativa arredor desta problemática aínda actual. 

Ademais, Álvaro e Noa, de 2º ESO, presentaron o acto facendo fincapé na orixe da celebración e na historia das irmás Mirabal, cruelmente asasinadas por seren mulleres símbolo de resistencia política e social na ditadura de Rafael Trujillo. 


Deixámosvos aquí unhas imaxes do acto e os poemas recitados!💜💪


Desde o abrente cosendo bágoas no rodo

da saia rota, cosendo a dor de cada golpe

contra o peito,

contra o peito seco.

Remendando.

Remendando as feridas das tesoiras azuis nos cabelos mozos,

as feridas que no corpo falan

de todo o que destecendo calas,

de todo o que calando esqueces,

de todo o que amargamente ocultas

no fondo da memoria.

Porque ás veces fora mellor a morte,

mellor que ser derrubada,

tronzada,

abelaneira derramada que xa non quere dar froito.


Cada noite destecíase a memoria

e na estadea das viúvas brancas vin o teu rostro calado e esquecido,

o teu rostro esquecido,

o teu nome esquecido,

o teu pesar esquecido.


Cada noite destecíase a memoria

no silencio

e ti

antígona anónima procurabas nos foxos da noite

os corpos locuaces

de todos os que amabas.

Rabuñabas a terra,

enterrabas os mortos co teu corazón,

coa túa vida,

afundida nun pozo de sombras ocultado.

Porque ás veces fora mellor a morte,

mellor có tacto azul e xélido do aceiro,

o tacto azul e xélido da man con que te atan,

a man coa que arrancan a voz,

antes do silencio.

Silencio de laverca muda.


Todo o que ti teciches esfiouno o esquecemento.


E agora cómpren mans de muller que enfíen

cada un dos teus nomes na agulla da memoria

para coser un cobertor desmesurado

que abrigue as nosas almas do silencio.


_________________________________________________________________________________


1.

A neta pregunta
no seu xogo de lilainas transparentes,
coma quen sorrí por unha bolboreta,
pregunta
pola lembranza máis triste.
A neta pregunta
e segue a enredar coma quen esquece,
mais non,
a pequena non esquece que pediu un recordo,
o recordo máis triste
da avoa que aínda sorrí
mentres os ollos buscan o horizonte,
coma quen abre a porta á néboa,
coma quen se adentra no corazón do xeo,
coma quen bota o pé ao abismo.

2.

E do mesmo lugar en que nace o pánico
xorde a imaxe da nai
      (mamá non chores),
a imaxe daquela nai fermosa
a agacharse no recanto máis escuro da casa.
Aínda resoa nos seus oídos o pranto
e o frío volve arrepiarlle os brazos,
o corpo todo.
A mamá cortáronlle o cabelo,
rapárona até lle facer dano,
zoupáronlle na alma
mentres era animal acurralado
e torturado, na esmorga horripilante
dos sádicos cabróns da madrugada.

Mamá non contou nada,
mamá nunca contou nada,
nada,
nada,

mais os ollos da nena que foi
aínda ven a súa mamá fermosa
lívida e triste,
lavando o sangue acusador
que non se oculta
        (por que hai tanto sangue mamá),
que non para,
que teima en saír das feridas que nunca,
nunca
van cicatrizar,
a pesar do silencio,
a pesar do silencio.

3.

Mais papá non volveu.

A nena olla o retrato
e dóelle tanto o peito.

Dóelle tanto o tempo
que negou os brados da noite,
os corpos estragados,
a verdade do albor?

que olla á súa neta,
colle á súa neta no colo
e decide
enfrontar o seu propio deserto
para darlle
a lembranza máis triste,
entregarlle a dor do pasado,
esa ferida que nunca,
nunca doerá tanto
coma o silencio
e a negación.
Marta Dacosta



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Obradoiro de elaboración de manifesto feminista📑🖋

Que non te líen, ti elixes!

Como xestionamos as parellas?